Vivenda entrega as chaves ós inquilinos das vivendas sociais de Escarabote

    vivendassociais_100_280907.jpgBOIRO > O salón de plenos do concello de Boiro acolleu o acto de entrega oficial das vivendas sociais de Escarabote.

    Todo eran mostras de ledicia entre os beneficiarios das vivendas de protección oficial promovidas pola Consellería de Vivenda e Solo nun solar municipal de Escarabote, en Boiro.

    Tras varios meses de espera, os inquilinos que accederán ás dez vivendas en réxime da aluguer, recibiron por fin as chaves da súa nova casa. Unha casa pola que terán que aboar unha contía sensiblemente máis baixa que o prezo de mercado pero que reúne tódalas condicións dunha vivenda digna.

    No acto oficial de entrega, presidido polo delegado provincial de Vivenda, Xoán Carlos Bascuas, na compaña do alcalde, Xosé Deira, e a concelleira de Servizos Sociais, Natalia Laíño, os alugueiros recibiron, ademais das chaves das vivendas, os boletóns dos servizos de luz e auga e unha instancia para a reclamación de posibles desperfectos, que deberán formalizar no prazo dun mes.

    A construción das vivendas foi posibles grazas á intensa colaboración entre administración local e autonómica, que teñen como obxectivo a creación de liñas de axuda para que as familias galegas poidan emprender o seu proxecto de vida. 

    Mentres os novos inquilinos comezan a instalarase nos seus fogares, aqueles que adquiriron as vivendas socias de Escarabote en réxime de compra-venda deberán agardar ata o próximo xoves para asina-la escritura das mesmas.

    Redacción Barbanza