VILANOVA> Preocupación no sector mar-industria pola parálise no proxecto de renovación da tubaxe de fecais que vai dende a ponte da Illa de Arousa ata a depuradora de Tragove, en Cambados. A infraestrutura actual leva tempo sufrindo filtracións ao mar, o que prexudica ás empresas da zona. Sobre a mesa había un proxecto para substituíla, pero o problema, unha vez máis, é Costas en Madrid: acaba de emitir un informe desfavorable, propoñendo desvia-la tubaxe terra a dentro. Esta mañá empresarios do sector reuníronse co alcalde de Vilanova. Durán cre que o problema precisa dunha solución política urxente.
A renovación da tubaxe de fecais que discorre pola liña de costa entre a ponte da Illa de Arousa e a depuradora de Tragove leva tempo enriba da mesa. Despois de que Augas de Galicia e Costas en Pontevedra acordasen un proxecto para mudala, é este organismo -pero en Madrid- o que pon trabas. Acaba de emitir un informe en contra, propoñendo desvia-la tubaxe terra adentro. As empresas asentadas nesa zona costeira, dende Vilanova, amosaban esta mañá a súa preocupación por este novo xiro.
Canda os membros da Asociación Galega de Empresarios Depuradores e Comercializadores de Moluscos estivo esta mañá o alcalde vilanovés. Durán cre que o proxecto é crucial para o futuro de moitas empresas, polo que urxe a buscar unha solución de tipo político. Di que leva-lo asunto á xustiza só suporía máis retrasos.
Tanto o alcalde como os representantes do sector non agochan a súa sorpresa ao le-lo informe de Costas. No documento, malia a súa negativa, recoñécese que a renovación da tubaxe tal e como estaba prevista si resultaría positivo para o medio ambiente. A conclusión á que chegaban esta mañá é que en Madrid non entenden a costa galega.
Vilanova, de momento, segue coa folla de ruta prevista, coa expropiacións de terreos para a construción dunha senda pola que pasaría por baixo esa tubaxe. Os empresarios indican que, como moito, a actual situación pode continuar como moito un ano máis porque, advirten, a calidade da auga coa que traballan non pode seguir empeorando.