Ribeira busca realzar o seu entroido aproveitando o festivo local

RIBEIRA> Os concelleiros de Cultura, Antía Alberte, e Festexos, Francisco-Suárez Puerta, foron os encargados de debullar máis polo miúdo a programación do entroido.

A música terá un protagonismo especial este ano, con actuacións a partir do día nove de distintas charangas, tanto polo casco urbano como tamén polas diferentes parroquias.

Non faltarán tampouco os espectáculos infantís con actuacións de monicreques, o tren do entroido ou o tradicional concurso de disfraces na carpa que se instalará no Malecón o sábado día 10.

Pero sen dúbida un dos días fortes será o luns de entroido, aproveitando que o día seguinte será festivo local. Ese día terá lugar o concurso de disfraces para maiores no que se repartirán máis de 2.300€ en premios

O martes 13 celebrarase tamén o tradicional Concurso de Murgas, Comparsas e Carrozas.

A programación do entroido en Ribeira chegará ó seu remate o mércores 14 co enterro do Felipe, unha xornada de gran tradición na localidade, e que este ano virá ademais con algunha que outra novidade.