Rianxo pon en marcha un plan de conservación dos seus xacementos arqueolóxicos

RIANXO> O concello de Rianxo vén de poñer en marcha un plan trianual de mantemento e conservación dos seus xacementos arqueolóxicos. O obxectivo é manter os elementos patrimoniais en bo estado ó tempo que se favorece a prevención dos incendios forestais coa retirada da maleza.

Nestas semanas xa se iniciaron as primeiras intervencións no monte Picoute de Burés e no Monte Pelotiño de Asados. Os traballos de limpeza e mantemento, acometidos con fondos propio, contan cun control arqueolóxico non só por parte de Patrimonio senón dos técnicos que determinan o alcance e os medios utilizados en cada unha das actuacións.

O obxectivo deste plan, que se desenvolverá ó longo dos próximos tres anos, é manter en bo estado os xacementos para que sexan facilmente visitables ó tempo que axudan a previr os incendios forestais coa retirada da maleza.

Algunhas das áreas de actuación, como a zona dos Mouchos, son de titularidade privada aínda que a maior parte pertencen ás comunidades de montes de Asados, Leiro, Isorna e Burés. Forman entre tódolos xacementos unha pequena ruta arqueolóxica dende as praias de Leiro ata o Monte Picouto; un percorrido de grande interese patrimonial que o concello pretende poñer en valor para veciños e visitantes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí