A POBRA> A Pobra acolle esta fin de semana unha das súas citas profesionais máis importantes que xa se converteu nun referente en toda España. O Simposio Internacional de Odontoloxía traerá ata a vila a centos de profesionais atraídos polo alto nivel dos poñentes.
Dende a súa posta en marcha no ano 2006, o Simposio de Odontoloxía organizado polo Altlantic Dental Institute na Pobra non ten deixado de medrar. Máis dun cento de poñentes do máis prestixioso nivel e tres mil asistentes pasaron xa por este Congreso que se converteu xa nun referente a nivel internacional.
A cita arrancará este venres pola tarde cun taller práctico para a discusión de casos prácticos de implantoloxía a cargo do odontólogo italiano Puria Parvini.
O sábado a xornada terá lugar no Teatro Cine Elma. Xunto co doutor Parvini que intervirá cunha conferencia sobre o manexo dos tecidos brandos ó redor dos implantes, completan o programa os doutores Pablo Pavón e Sergio García Bellosta.
O congreso rematará cun debate moderado por Gonzalo López Castro e un posterior xantar de confraternidade no restaurante Sisal. Na cita, patrocinada por Dentsplay Sirona, participarán uns 150 profesionais procedentes de toda España.