Nava Castro supervisa as melloras financiadas por Turismo nos accesos ó Faro de Corrubedo

RIBEIRA> A directora da Axencia Galega de Turismo visitou esta mañá o Faro de Corrubedo, onde se vén de acometer unha senda peonil para mellorar a accesibilidade. No concello de Ribeira tamén se executaron melloras na contorna da Pedra da Rá ou no paseo de Coroso con cargo a esta orde de axudas autonómicas.

A mellora da accesibilidade na contorna do Faro de Corrubedo supuxo a dotación dunha senda peonil de máis dun quilómetro de lonxitude que garante unha maior seguridade ós visitantes que se desprazan a pé ata este recurso de gran valor turístico.

A actuación enmárcase nas axudas para equipamentos turísticos concedidas pola Xunta de Galicia das que xa se teñen beneficiado máis da metade dos concellos galegos.

Dende a Axencia Galega de Turismo seguirán a habilitar fondos para esta liña de axudas dada a súa alta demanda.