PORTO DO SON> A corporación municipal de Porto do Son brindaba este mediodía unha recepción á taekwondista Noa Romero. Buscan así recoñecer o esforzo da deportista que vén de acadar a medalla de bronce no Mundial de Taekwondo Junior.
Con tan só 17 anos, a sonense Noa Romero pode presumir xa de grandes éxitos. Hai unhas semanas volvía de Corea coa medalla de bronce no Campionato do Mundo de Taekwondo Junior.
Dende o concello quixeron ofrecerlle un recoñecemento polos éxitos deportivos. Ademais da recepción oficial, o alcalde fíxolle entrega dun agasallo conmemorativo e un ramo de flores en nome de toda a corporación.
A curto prazo, Noa ten xa en mente outras citas para seguir ampliando o seu palmarés. A partir do 29 de outubro concentrarase coa federación española para preparar o Campionarto Europeo Sub 21 que se disputará en Sarajevo a finais de novembro.











