NOIA> O presidente do Partido Popular e candidato á reelección á presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, achegouse a pasada tarde ata Noia. A visita formaba parte dos actos de precampaña que está a levar a cabo por diversas localidades galegas baixo o lema ‘Un café con Feijóo’. Na vila noiesa, o líder dos populares galegos avogou por seguir escoitando á xente con máis intensidade e proximidade.
O presidente do PPdeG escolleu a vila noiesa para estrear un novo formato de acto nesta precampaña co que pretende achegarse máis á rúa e á xente de a pé. Na alameda, e acompañado polo alcalde da localidade, Santiago Freire, e demais membros do Partido a nivel local, Alberto Núñez Feijóo, tivo tempo de charlar con varios veciños e recoller de primeira man as súas impresións e valoracións…tampouco faltou o café…
Na súa intervención ós medios destacou que ese será precisamente un dos principais propósitos nesta campaña, seguir escoitando á xente.
Tamén se referiu á necesidade de preservar a Galicia do bloqueo que vive a política española.
A xeira deste tipo de encontros de Núñez Feijóo coa cidadanía continuará nas próximas semanas por diversas localidades galegas.