Lage solicita ó Parlamento galego a posta en valor de Pontenafonso

lagepontenafonso_100_091007.jpgNOIA > O deputado autonómico do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, vén de presentar unha iniciativa parlamentaria co obxecto de pór en valor Pontenafonso.

Con esta proposta Lage Tuñas quere promover a recuperación integral desta vella ponte que une Noia con Outes, símbolo das comunicacións da comarca durante moitos anos.Nos últimos anos Pontenafonso sufriu un gran deterioro acentuado, segundo Lage Tuñas, polas actuacións en materia de estradas levadas a cabo polos anteriores gobernos da Xunta. Por iso agora estas actuacións de revitalización da ponte se amosan urxentes. Os socialistas galegos entenden que debe ser unha prioridade a mellora do estado deste tipo de edificacións e a súa conservación debe ser contemplada dentro dos plans ou actuacións que a Xunta realice no referente á conservación do patrimonio histórico-artístico.José Manuel Lage leva xa varios anos demandando estas accións de mellora para Pontenafonso, solicitándoo por primeira vez en 2004 cando aínda estaban na oposición. Ademais, ó tratarse da posta en valor do patrimonio galego, os socialistas esperan contar co apoio maioritario de tódolos grupos, xa que se trata dunha iniciativa en positivo. A proposta de recuperación de Pontenafonso xurde a raíz dunha vella demanda veciñal.

Lage adiantou na súa visita a Pontenafonso que o grupo socialista está estudando tamén a posibilidade de mellorar os accesos e a estrada desde o cruce de Ceilán ata a mesma ponte.

 

REDACCIÓN BARBANZA