Instalados os primeiros indicadores do Camiño a Santiago dende o Barbanza

RIBEIRA> Tras catro anos de traballo, o camiño a Santiago dende o Barbanza ‘A Orixe’ é xa unha realidade. Esta mañá presentáronse os indicadores que sinalan as seis etapas da ruta que parte dende Corrubedo.

O entorno do Faro de Corrubedo. onde comeza o camiño por terra dende o Barbanza foi o lugar elixido para a presentación da panelización da ruta que percorre os catro concellos da bisbarra.

Nesta primeira fase instaláronse seis paneis, correspondentes con cada unha das seis etapas, grazas á colaboración económica de Turismo de Galicia.

Ademais de recoller mapas coas etapas do percorrido, os paneis inclúen un  código QR que dirixe á web da Mancomunidade Barbanza Arousa con toda a información necesaria para os peregrinos.

Tamén conteñen información sobre os recursos turísticos da zona para complementar o camiño cunha completa visita ós encantos do Barbanza.