Dez traballadores da autovía levan sen cobrar máis dun mes

    protestaobreiros-autova_16.jpgBARBANZA > Operarios da empresa Galaico–Leonesa 2005, que están a traballar nas obras de construción da autovía, denunciaron a súa precaria situación laboral.

    En total, son dez os traballadores que decidiron denunciar esta situación que algúns levan vivindo uns poucos meses; outros, os que máis xa se achegan ó ano de traballo. Traballo que a pesar de ser realizado puntualmente non é remunerado como corresponde pola empresa Galaico –Leonesa 2005 S-L, subcontratada por Sacyr, adxudicataria das obras de construción da autovía do Barbanza. Os operarios que traballan no segundo tramo da estrada, entre Boiro e Ribeira, denuncian o retraso no pago do seu salario (hoxe, día 16 de outubro, aínda non percibiron a retribución correspondente ó mes de setembro). Pero a cousa non remata aí posto que a empresa tampouco lles está a pagar a realización de horas extra. Por este motivo, os traballadores afectados decidiron traballar, a partir de agora, unicamente oito horas ó día, tal e como establece o seu contrato e o convenio da construción.

    Respaldo da CIG

    Para poñer fin a esta situación, os obreiros están decididos a demandar á empresa por impago. Contan, na súa loita, co respaldo da CIG que, no caso de que non se resolva a situación na próxima semana, ten previsto elevar o problema ata a Consellería de Política Territorial, responsable da construción da autovía. O secretario comarcla da CIG, Xán García, esixe máis control por parte da administración autonómica con relación ás subcontratas para a realización de obras sufragadas con fondos públicos.

    Novas accións

    Tras esta primeira denuncia pública, os operarios están dispostos a chegar ata as últimas consecuencias co fin de que sexan atendidas as súas peticións e se respecten os seus dereitos como traballadores.

    Redacción Barbanza