O PSOE pobrés critica a deixadez do concello coa Urbanización Fraga Iribarne

    estadofragairibarne_100_181.jpgPOBRA > A céntrica urbanización pobresa Fraga Iribarne presenta un estado lamentable, que o grupo municipal do PSOE achaca á deixadez do executivo local. …

    … Neste barrio viven preto de douscentos veciños que carecen, segundo os socialistas, dalgúns dos servizos máis básicos para calquera cidadán.

     Os socialistas pobreses non comprenden como o concello aínda non ten un plan de humanización e mellora para este entorno tan céntrico, a escasos 200 metros da casa consistorial. E lembran que a urbanización Fraga Iribarne continua coas mesmas condicións urbanísticas que cando se construiu, hai xa trinta anos.  Entre as melloras que os socialistas estiman precisas atópase a reposición da rede de sumidoiros, a reposición dos tubos de auga potable e dos de separación de residuos, dotar ó barrio de contedores subterráneos, novas beirarrúas ou a restructuración do tráfico, en definitiva, un plan de humanización completo para o barrio. 

    O voceiro socialista, Andrés Rey, solicita ó concello que faga un estudo sobre o estado da urbanización Fraga Iribarne, no que se inclúan as melloras que o seu grupo vén demandando. Pola súa banda, o alcalde pobrés, Isaac Maceiras asegurounos que o goberno local xa ten feita unha valoración e un anteproxecto para acometer a humanización da urbanización Fraga Iribarne. As obras que recolle o estudo están valoradas en máis de 360 mil euros e comprenderían o cambio de sumidoiros, a separación de residuos pluviais e fecais, beirarrúas adaptadas, novas luminarias, novo asfaltado en quente, sinalización de aparcamentos e cambio de direccións nalgunha das rúas. Maceiras Rivas asegurou que esta será a seguinte obra a acometer polo concello unha vez que se remate coa remodelación da urbanización Lamas y Andrés.

    Redacción Barbanza