Polémica pola titularidade pública dun camiño

    vecioscamioribeira_181007.jpgRIBEIRA > Un grupo de veciños do lugar de Martín na parroquia de Castiñeiras concentrouse na zona de Paramos para denuncia-la usurpación dun camiño público.

    Síntense totalmente indignados, e non entenden as razóns polas que o executivo ribeirés lle outorgou a esta veciña a licenza para o peche do camiño, cando por todos é sabido que se trata dun vial público e que dende tempos inmemoriais é empregado como único acceso a numerosas propiedades na zona coñecida como Pinares da Tomada. Por esta razón levan varias semanas apostados no lugar vixiando que non se executen as obras de peche e mesmo colocaron un tractor para impedir que se constrúa o muro. Informaron xa da situación ó concello e mesmo entregaron por rexistro unhas cen sinaturas solicitando a declaración pública deste camiño e que non se leven a cabo as obras de peche. O próximo paso será poñe-lo caso en mans dos tribunais co fin de que non se acometa o que ó seu xuízo é unha clara ilegalidade.

    Solicitude BNG

    A través dunha solicitude o grupo municipal do BNG tamén se fai eco deste problema, reclamando que o goberno municipal adopte as medidas oportunas e proceda ó marcado dos deslindes e os retranqueos, e se proceda tamén ó arranxo do camiño.

    Mediación entre as partes

    Fontes desta redacción puxéronse en contacto con representantes do executivo ribeirés para coñece-la postura oficial ó respecto. O concello está intentando mediar entre as partes para tratar de buscarlle unha solución ó problema. Aínda así sinalan que no catastro e no PXOM non aperece como camiño público, o que podería dar a entender que se trata dunha servidume de tránsito. O problema radica agora no ancho do vial, a propietaria da parcela estaría disposta a deixar dous metros e medio, pero nunca catro como solicitan os veciños.

    Redacción Barbanza