![]()
SANXENXO > A Garda Civil detivo este mediodía a dous veciños de Moaña, J.Y.O.L., de 34 anos e O.P.C. de 30 como presuntos autores do atraco a man armada cometido ás once desta mañá nunha sucursal do Banco de Galicia en Portonovo….
… Os homes, que xa pasaron a disposición xudicial, atopábanse en liberdade con cargos por delitos similares, e sospéitase que foron as mesmas persoas que onte atacaron a un matrimonio en Marín.
Ó redor das once da mañá e durante tan só 3 minutos os atracadores leváronse 3.600 euros da caixa forte da sucursal do Banco de Galicia de Portonovo. Por sorte, neses intres atopábanse tan só dous clientes dentro do establecemento. Segundo relataron os empregados, os ladróns non mostraron violencia aínda que se viviron momentos de nerviosismo.
Trátase de dous individuos, J.Y.O.L. de 34 anos de idade e O.P.C. de 30, ámbolos dous procedentes de Moaña. Inmediatamente despois de cometer o atraco os encapuchados fuxiron nun Fiat Uno roubado previamente en Vigo e abandonado no lugar do Outeiral en Ribadumia. Á unha da tarde foron detidos no casco urbano de Pontevedra pola Garda Civil onde lles interceptaron parte dos cartos sustraídos, os pasamontañas e unha pistola preparada para disparar.
Segundo informou a Garda Civil, os detidos atopábanse en liberdade con cargos por outros delitos similares, como o que cometeron en Vilaboa no roubo a punta de pistola a un estanco facéndose esta vez cun motín de 600 euros. Segundo fontes consultadas da Garda Civil de Sanxenxo, os atracadores da sucursal de Portonovo poden ser os mesmos que atacaron na mañá de onte cunha machada e unha pistola a un matrimonio en Marín na súa propia casa. Os detidos foron postos a disposición xudicial.
Redacción Salnés










