Vilagarcía reforzará a seguridade en San Roque co foco na cancelada Festa da Auga

VILAGARCÍA> Vilagarcía non relaxará a vixilancia durante as Festas de San Roque. Esta mañá, Subdelegación do Goberno en Pontevedra, concello e representantes de corpos e forzas de seguridade do estado celebraron a xunta local de seguridade. No encontro deseñaron o dispositivo especial que se porá en marcha na vila eses días, evitando as masificacións e controlando o cumprimento das medidas de seguridade fronte a COVID-19.

Vilagarcía non renuncia por completo ás Festas de San Roque. Mañá coñeceremos o programa polo miúdo, pero xa sabemos que se evitarán os eventos máis multitudinarios e se fará un esforzo extra para vixiar o cumprimento das medidas sanitarias.

Os concertos serán reducidos e con invitacións para regular o acceso. Tamén muda o formato do Combate Naval, que se repartirá en diferentes puntos da vila para evitar aglomeracións. Pero preocupa especialmente a Festa da Auga o día 16 e a véspera. O goberno recorda: non haberá ningunha celebración.

O concello acolleu hoxe a xunta local de seguridade. Como cada ano, executivo local, Subdelegación do Goberno e forzas e corpos de seguridade deseñaron e coordinaron o dispositivo especial que se porá en marcha na vila.

Tanto Varela como Larriba insistiron no seu chamamento á cidadanía. Sobre todo á mocidade.

O ocio nocturno é outra das actividades que máis preocupan. Varela recordou que serán implacables, impoñendo as sancións máis duras para os que incumpran. Ademais, agardan contar co reforzo da Policía Autonómica para controlar o botellón, sobre todo nas praias.