AMICOS conta con dezaoito novas prazas residenciais

BOIRO> A Xunta de Galicia vén de concertar dezaoito novas prazas na residencia de AMICOS, en Boiro. O obxectivo da Dirección Xeral de Discapacidade é seguir avanzando no incremento de prazas para aqueles usuarios que se atopan en lista de espera. Durante a súa visita ó Centro de Atención Integral de AMICOS, a directora Xeral de Discapacidade anunciou a creación de dezaoito novas prazas residenciais concertadas neste centro. Entre os beneficiados por este investimento que ascende ós catrocentos vinte mil euros está o fillo de Felisa quen agradeceu a concesión desta praza tras anos de espera. A outra cara da moeda represéntaa o irmá de Soledad, que aínda está en lista de agarda. Os familiares demandan maior axilidade ante un proceso longo e lento. A directiva de AMICOS quixo agradecer o apoio da Dirección Xeral de Discapacidade, especialmente dende que asumiu o cargo Fabiola García, persoalmente implicada na mellora da calidade de vida dos usuarios. Aínda que queda moito camiño por andar, o alcalde de Boiro quixo felicitar a AMICOS polo gran labor realizado ó longo destes case vinte anos nos que se teñen conseguido moitos avances. Ó remate do acto institucional, FAbiola García, participou cos usuarios de AMICOS na súa festa de entroido exercendo como xurado do concurso de postres típicos.