Desafiuzada unha familia de Boiro trala presunta estafa dun construtor

BOIRO> Unha familia de Boiro foi desafiuzada do piso no que vivían dende hai quince anos. De nada serviron os intentos de mediación por parte da Valedora do Pobo e de Stop Desafiuzamentos ante a entidade financeira propietaria da vivenda.

Ó redor das doce desta mañá, Patricia abandonaba o que foi o seu fogar durante os últimos quince anos. A pesar dos esforzos da súa avogada para evitar a execución hipotecaria in extremis, non puido ser, e o xulgado número 3 de Ribeira executou a orde de desafiuzamento. A impotencia apoderouse desta familia boirense que perdeu a súa vivenda, non por impago da hipoteca, senón por unha presunta estafa por parte do construtor.

O piso pasou a mans dun fondo de inversión que, a pesar da mediación de Stop Desafiuzamentos e da Valedora do Pobo, negouse a retrasar o desafiuzamento para que, polo menos, a familia puidese pasar o Nadal na súa casa.

Tras recoller as súas pertenzas, a familia abandonou a vivenda. Instalaranse de xeito temporal na casa dos pais dunha amiga á espera de que os servizos sociais busquen unha alternativa de aloxamento dada a súa situación de vulnerabilidade.

A pesar de que a familia denunciou ó construtor, Juan Fernández, por incumprimento de contrato non albergan xa ningunha esperanza de recuperar a vivenda.