Vilalonga e Arousa asinan táboas nun partido intenso

vilalonga250_270409.jpgSANXENXO> Vilalonga e Arousa empataron (1-1) en San Pedro nun partido no que os vilagarciáns resistiron unha hora con dez xogadores. Un punto que non lles serve para distanciarse do descenso a ningún dos dous.

{flowplayer}images/salnes/vilalonga_270409.flv{/flowplayer}

Táboas en San Pedro que deixan as cousas como estaban. Foi un partido moi disputado no que os locais fóronse coa sensación de ter deixado escapar dous puntos, aínda que o Arousa tivo as súas oportunidades como para levarse a victoria.

O partido comezou con certa polémica. No 8′, un libre directo botado por Pablo Pillado interceptouno Alberto, segundo o colexiado, coas mans. Amarelo e penalti. Saúl engañou a Moncho pero o seu disparo petou no pau.

Pese á oportunidade errada, o Vilalonga seguíu intentándoo ante un Arousa que non daba entrado no partido. Iago disparou raso e Moncho despexou a corner. Coa seguinte xa non puido. Pablo Pillado adiantaba ó seu equipo ós 18′  cun disparo dende a frontal.

 Chiño foi o home máis perigoso do Arousa. A primeira que tiveron naceu das súas botas, aínda que Pazos estivo máis rápido que Roberto. Minutos despois, avisaba Hugo que errou no man a man.

Á media hora de xogo o Arousa quedábase con dez. Alberto medía mal nunha acción con Rubí e vía o segundo amarelo. Neses minutos ante do descando o Vilalonga tivo ocasións para facer o segundo, pero co que se atopou foi co gol do empate. Combinación de luxo dos de Pablo Vázquez que culminou Chiño. Era o 46′ e chegábase ó descanso.

Na segunda metade o dominio continuou a ser local, aínda que os primeiros en avisar foron os visitantes. Primeiro cunha falta botada por Padín que sacou Pazos coa axuda do pau. Logo, cun disparo que o pichichi Hugo mandou fóra.

O Vilalonga tivo o balón pero non as ocasións ante un rival que se pechou ben atrás e que se aproveitou das reducidas dimensións de San Pedro para minimizar as consecuencias da súa inferioridade numérica.

No tramo final do encontro Sarró igualaría a balanza e iríase á rúa tamén por ver o segundo amarelo. Xa na prolongación os vilagarciáns reclamaron penalti nunha pugna de Adrián Gómez con Juanito, e Pablo Pillado tivo nas súas botas o 2-1, pero mandouna fóra cando tiña todo a favor para marcar.

Este punto sumado por ambos permite ó Vilalonga manter catro de marxe co descenso mentres que o Arousa continúa momentáneamente salvado pero cos mesmos puntos que o Portonovo.

Redacción Salnés