![]()
BOIRO > O bipartito aprobou en solitario, de xeito definitivo, os orzamentos municipais deste ano 2007, que suman un total de 16,8 millóns de euros.
Tanto o voceiro de Iniciativa Cidadá de Boiro, Manuel Velo, coma o do Partido Popular, Xoán Xosé Dieste, arremeteron contra o executivo bipartito pola tardanza na aprobación dos presupostos do presente exercicio 2007. Os dous amosáronse tamén contrariados ante o feito de que non foran atendidas ningunha das alegacións presentadas polos grupos da oposición.
Menos inversións
Na súa intervención Manuel Velo fixo referencia ós escasos investimentos procedentes doutras administracións, que a pesar de pertencer a gobernos amigos tan só se achegan ós oito millóns e medio de euros. O voceiro de IC Boiro volveu a cargar contra o bipartito pola súa xestión municipal, máis preocupado, segundo el, dos seus salarios que de atende-las necesidades reais dos seus veciños.
Xoán Xosé Dieste referiuse á merma que se observa nos presupostos deste ano 2007, con respecto ó ano anterior, nuns dous millóns de euros, unha cantidade importante e que viría satisfacer numerosas demandas dos veciños.
Foi a concelleira de Facenda, Dores Torrado, a encargada de defende-lo documento económico do concello, sinalando as razóns principais polas que non se incluiron as alegacións presentadas polos grupos da oposición.
Polo que respecta ós presupostos afirmou que se manteñen básicamente as partidas previstas inicialmente. Así na súa intervención destacou o capítulo de investimentos, que ascende a uns 5,7 millóns de euros. Unha contía coa que se levarán a cabo, entre outras, o remate das obras dos centros sociais de Cabo de Cruz e de Abanqueiro, se financiará o obradoiro de emprego e se acometerán as actuacións do Plan de Obras e Servizos.
Nos orzamentos tamén aparecen reflectidas a peonalización da rúa Pablo Iglesias ata a praza da Mancomunidade, a rehabilitación dos muíños de Ponte Goláns ou o pago das expropiacións levadas a cabo na Cachada no ano 1.997, e que suporán para as arcas municipais un custe duns 996 mil euros. Segundo ela o endebedamento do concello sitúase no 91,69%, case vinte puntos por debaixo do máximo permitido que é do 110%.
{flowplayer}barbanza/plenoboiro.flv{/flowplayer}
Redacción Barbanza









