A Fundación galega contra o Narcotráfico entrega as Nécoras de Ouro

    necoraouro100__-_still_001.jpgVILAGARCIA > A gala anual da Fundación contra o Narcotráfico, entregou este venres os seus premios Nécora de Ouro.

    Foi nunha gala na que expertos na loita contra a droga expuxeron nun foro os importantes cambios que o narcotráfico galego experimentou nos últimos anos.

    Os narcotraficantes galegos son agora máis, están máis coordinados, empregan as últimas tecnoloxías en comunicación e transporte, e tamén perderon poder contra os grandes capos sudamericanos. Esta é a panorámica da nova realidade do narcotráfico galego que expertos na loita antidroga debuxaron o venres na gala anual da Fundación contra o narcotráfico. No foro tamén se falou da figura dos novos narcos galegos, os chamados narcotransportistas.

    Para o fiscal antidroga de Pontevedra, Marcelo Azcárraga, o principio que debe rexir ás autoridades nas súas actuacións contra este tipo de crime organizado debe ser o de Cárcere e Ruina. Pola súa banda, o máximo responsable da Policía na loita antidroga en España, Eloy Quirós, quixo destacar a labor policial levada a cabo nos últimos anos. Para o presidente da UDYCO o exemplo máis claro da eficacia policial é o cambio de estratexia ó que os narcotraficantes se viron obrigados na actualidade para introducila droga en Europa a través de novas rutas coma a de África. A cooperación internacional e a aparición dunha nova sustancia chamada a cocaína negra, e que polo de agora tivo unha escasa incidencia no noso país, foron outros dos temas expostos no foro, no que tamén interviu Manuel Gonsalves, o responsable da loita contra a droga en Portugal.

    Logo do debate tivo lugar a entrega dos premios Nécora de Ouro 2007. Os tres galardoados deste ano foron o ex presidente da Fundación, José Luis Nogueira, un premio a título póstumo que recolleu a súa viúva; o xornalista e director do programa radiofónico La Brújula, Carlos Alsina; e a Policía Xudicial da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra.

    Redacción Salnés