A valentía dunha empregada consegue frustrar un atraco con pistola nunha gasolineira de Caldas

CALDAS> A valentía dunha traballadora dunha gasolineira de Caldas evita o atraco a punta de pistola do establecemento. O ladrón agardou a última hora para entrar no negocio e apuntar á empregada pedíndolle os cartos da caixa. A traballadora entrou no mostrador e ao verse o suficientemente lonxe do asaltante encerrouse con rapidez nas oficinas activando a alarma. Ante a situación o atracador disparou ao aire e deuse á fuga.

Esta fin de semana tivo lugar nunha gasolineira de Caldas unha escena propia dunha película. A madrugada do domingo, cando o negocio estaba a punto de pechar, un home encapuchado e ataviado con luvas entrou ao establecemento apuntado a única empregada que se atopa nese momento de servicio. O ladrón achegouse á traballadora apuntándoa coa arma e obrigándoa a darlle todos os cartos da caixa.

A traballadora atopábase nese momento na zona da tenda onde están situados os estantes, así que pediulle ao ladrón que se calmease e que a deixase desprazarse ata detrás do mostrador para poder darlle os cartos. Unha vez afastada do atracador, e con moita valentía, correu cara a oficina que se atopa detrás do mostrado e fechouse. O cuarto está protexido cunha porta blindada así que o ladrón non puido acceder ao seu interior. Unha vez resgardada, a traballadora activou a alarma frustrando o roubo do atracador, que ao ver como se lle complicaba o asalto pegou un tiro ao aire e escapou sen levarse ningún tipo de botín. A empregada non ten feridas pero si estaba afectada polo medo provocado polo suceso.

Fontes da garda civil sinalan que a arma probablemente fose de fogueo, xa que non lugar non hai marcas do impacto nin restos da bala. Tamén apunta a que pola descrición que deu a empregada o atracador podería ser un home con acento español, alto e delgado.

Este foi o primeiro atraco que sufriu o establecemento pero non o primeiro destas características que se rexistrou na nosa contorna. Hai dúas semanas na estación de servizo de Repsol de Cerponzóns, un individuo entrou no establecemento ocultando o seu rostro e apuntado cunha pistola ao traballador. Nesa ocasión tamén a valentía do empregado conseguiu frustrar o roubo. Xa que o traballado enfrontouse ao ladrón e os seus gritos alertaron aos veciños que acudiron ao local provocando que o traballador fuxise nun vehículo que o agardaba.

Ambos sucesos están sendo investigados polas forzas de seguridade, que non descartan que os dous roubos estean relacionados.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí