Ruíz denuncia o impago das axudas polo gando morto nos incendios

    axudasgandeiros_201107.jpgPOBRA > O voceiro do PPdeG considera que o retraso non vén máis que a evidencia-la pouca axilidade administrativa da actual Xunta de Galicia.

    O portavoz parlamentario do PPdeG, Manuel Ruíz Rivas, vén de rexistrar unha iniciativa na que reclama o inmediato pagamento das axudas comprometidas no seu momento pola Xunta de Galicia ós gandeiros de Posmarcos na Pobra do Caramiñal que perderon animais nos incendios forestais de 2006. Aínda que a Consellería de Medio Rural argumenta problemas administrativos para tratar de xustifica-los retrasos nos pagamentos, Ruíz Rivas considera que o trato que están a recibi-los afectados resulta inaceptable, evidenciando a pouca axilidade administrativa do goberno bipartito, pois a día de hoxe aínda non percibiron as axudas.

    Identificación gando cabalar

    Paralelamente, Manuel Ruiz rexistrou tamén no Parlamento outra iniciativa na que reclama información escrita da Xunta sobre a previsión de dotar de microchips ós cabalos salvaxes da zona da Curota para poder identificar ós animais e resolver vellas carencias derivadas das dificultades para establecer quen é o propietario de cada un deles. Segundo o deputado popular se ben o anuncio desta iniciativa foi efectuado polo Conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, nunha visita efectuada á comarca do Barbanza en xuño do pasado ano, a día de hoxe, os afectados aínda carecen de información concluínte sobre este asunto.

    Redacción Barbanza