Un brutal accidente acontecido de madrugada en Aguiño sáldase cunha vítima mortal

    RIBEIRA> Accidente mortal en Ribeira. Un home de 46 anos veciño de Aguiño perdía a vida esta pasada madrugada nun accidente de tráfico. O suceso producíase no cruce de Aguiño. O accidente tiña lugar ó redor das tres e media desta pasada madruga neste punto da estrada que une Ribeira con Aguiño, no coñecido coma o cruce de Aguiño. Por causas polo de agora descoñecidas, o vehículo que conducía Francisco Antonio Folgar Teira, de 46 anos e veciño desta parroquia ribeirense, único ocupante do turismo saíuse da vía colidindo en primeira instancia contra unha balaustrada dunha vivenda e posteriormente contra a fachada dun edificio. Foron os propios veciños da zona os primeiros en socorrer á vítima, logrando sacalo do seu interior ó atoparse o coche en chamas. Eles mesmos alertaron ó 112, que rapidamente mobilizou ata o lugar ás Policías Local e Nacional e ós efectivos do Parque de Bombeiros de Ribeira, así como unha ambulancia medicalizada. A pesar dos numerosos intentos de reanimación por parte dos facultativos non puido facerse nada pola súa vida falecendo ó pouco tempo a consecuencia das feridas do brutal impacto.