Catoira conmemora o Día para a Eliminación da Violencia de Xénero

    dianonviolencia_catoira100_231107.jpgCATOIRA  > Catoira celebrou diversos actos de conmemoración do Día para a Eliminación da Violencia de Xénero, …

    … que incluíron un video-forum un concerto de Manoele de Felisa e a lectura dun manifesto.

    A xornada comezou ás 9,00 horas no salón de plenos, onde a concelleira de Servizos Sociais, Ana Pérez Santos, presentou o programa de actos. Na súa intervención fixo fincapé na necesidade de denunciar calquera agresión contra as mulleres e lembrou que xa está operativo o número de emerxencia 016, creado ‘para loitar contra a violencia machista’ e que ‘non só asesora e informa ás vítimas, senón que tamén serve de axuda para familiares, amigos, veciños’.

    A concelleira quixo trasladar ó público asistente unha mensaxe de esperanza: ‘Hoxe temos medios suficientes para acabar con esta lacra, debemos confiar na lei’, apuntou. A continuación a educadora social Silvia Campaña, veciña de Catoira, guiou un coloquio sobre a violencia de xénero establecido a partir da proxección de dúas curtametraxes e da avaliación dos conceptos relacionados coa temática. Ademais, aproveitou para presentar as asociacións e servizos involucrados na loita contra a violencia de xénero, como o Centro de Información á Muller. Ás once o cantautor cuntiense Manoele de Felisa ofreceu un concerto no que interpretou varios temas do seu disco ‘De Felisa a María Mariño’.

    Ana Pérez Santos finalizou a xornada coa lectura dun manifesto: ‘este concello comprométese a colaborar coa Xunta de Galicia e co Goberno de España para que, e no marco das súas competencias, poña a disposición das mulleres víctimas tódolos recursos posibles, implantando definitivamente a rede integral de asistencia social. Así mesmo, solicitará á Xunta de Galicia que se promovan plans de igualdade nos centros educativos, proporá que nos plans de saúde se contemple a violencia de xénero como un problema grave de saúde pública e fomentará programas específicos para abordar a situación das mulleres en situacións de especial vulnerabilidade no concello’.

    Redacción Salnés