Os veciños de Cea están cansos dos continuos asolagamentos

    fontecea_100_001.jpgVILAGARCÍA > Os veciños da parroquia de Cea, en Vilagarcía, levan tempo queixándose polos problemas que causaron na súas …

    … vivendas as obras para a construción do AVE. Pero ademais agora, a terra que fora extraída para a creación dun dos túneles, despréndese continuamente cando chove, e asolaga a fonte e o lavadeiro, que quedaron inservibles.

    A terra e as pedras que se extraeran para a construción dun tunel polo que pasará o AVE foron amontonadas formando unha nova ladeira, que cando chove se desprenden sobre o lavadeiro e a fonte desta parroquia. Os veciños xa están cansos dos problemas que lles están acarreando as obras para o paso do tren. Levan tempo pedíndolle ó concello, á Xunta e mesmo ó ministerio de Fomento que creen un muro que impida que os desfeitos amontonados se desprendan. Pero esta xa é a cuarta vez que a fonte e o lavadeiro se asolagan.

    Ós veciños da Aldea de Arriba non lles queda outro remedio que ser eles mesmos os que limpen os residuos. Pero aseguran que non poden estar así cada vez que chova. Xa están cansos das promesas que se lle dan dende as administracións. A primeiros de novembro aseguráronlles que o problema do asolagamento da fonte e do lavadeiro ían estar solucionados de inmediato, pero a día de hoxe continúan sen auga da que servirse.

    Redacción Salnés