GALICIA > Galicia vive estes días unha folga de ambulancias que é seguida por todos os traballadores da comarca de Arousa. O motivo deste parón laboral, convocada polos tres sindicatos maioritarios, é establecer un convenio colectivo autonómico que mellore as precarias condicións destes traballadores. As ambulancias cumpriron durante todo o primeiro día os servizos mínimos de urxencia.
Os traballadores só piden que se cumpra con medidas de seguridade básicas para os pacientes que trasladan. Actualmente os traballadores do 061 fan roldas de 24 horas e os de outras empresas como Ambulancias de Arosa de 12.
Nestes intres a mesa de negociación está paralizada xa que a patronal non accede ó cumprimento destas normas básicas de seguridade. No primeiro día da folga os servizos mínimos das ambulancias cumpríronse polo que os cidadáns teñen asegurado o traslado dos casos urxentes. En principio a folga está convocada ata o vindeiro día 20 aínda que non descartan facela indefinida se non se chega a ningún acordo serio.
Dende Ambulancias do Salnés aseguraban este mércores que seguen o paro en solidariedade cos seus compañeiros pero que non lles afecta posto que non traballan para o SERGAS máis que nos servizos que lle prestan ó 061 e que seguen activos a pesares da folga, posto que cobren o cen por cen das urxencias que se producen.
Redacción Salnés