Pontecesures, unha vila fatigada polas restricións da covid

PONTECESURES> Pontecesures pasa do nivel medio ao máximo. Dende este venres, a localidade estará pechada perimetralmente, quedarán prohibidos os encontros de non conviventes e a hostalaría terá que pechar, agás para recollida e entrega a domicilio. Detrás deste endurecemento das restricións está un gromo familiar que fai que os datos se disparen nunha localidade tan pequena. O municipio vive  hoxe entre a resignación e o enfado por este novo peche.

Pontecesures enfróntase, de novo, a un endurecemento das medidas por mor da covid. A partir deste venres, a localidade estará no nivel máximo de restricións. No Concello, reciben o anuncio con fatiga e desacougo.

Un gromo detectado nunha familia da localidade eleva o número de casos a 10. Isto fai que a incidencia acumulada se dispare, tendo en conta que o municipio ten apenas 3.000 habitantes.

O novo nivel implica que dende este venres, os encontros de non conviventes quedan prohibidos  e non se poderá entrar ou saír de Pontecesures sen causa xustificada, unha medida que afecta ás compras en tendas e no mercado da vila.

As restricións tamén afectan á hostalaría, que terá que pechar de novo. Só poderán atender pedidos para levar ou reparto.

Este hostaleiro critica que se estea tratando a tódolos concellos por igual á hora de analiza-la incidencia da covid. Entende que nun lugar como Pontecesures, os datos están xogando malas pasadas.

Dende o pasado Nadal, Pontecesures está a oscilar nos distintos niveis de restrición, encadeando peches con fases de alivio.