Meis convoca aos veciños afectados polas interminables obras do paque acuático

MEIS> Meis convoca aos veciños a unha reunión para informar sobre as medidas a tomar para resolver os problemas provocados pola parálise das obras do aquapark. O concello ten un aval da empresa que podería utilizar para arranxar os camiños próximos ao parque acuático e que quedaron en mal estado polas obras. A utilización do aval non afectaría á continuidade dun proxecto que, segundo a alcaldesa, a empresa sigue confiando que se remate antes do vindeiro verán.

O proxecto do parque acuático de Meis continúa paralizado. Na zona están abandonados algúns dos tobogáns e as instalacións que xa se comezaran a construír. Ademais, e por motivo das obras, os camiños próximos ao parque acuático quedaron en mal estado xerando problemas ao veciños. O concello valora algunhas solucións pero antes quere consensualas coa veciñanza.

O aval do que fala Marta Giráldez ascende a 100.000 euros e está depositado nas contas do propio Concello. A alcaldesa considera que con eses fondos se poderían repara-los danos ocasionados nos camiños. Ademais, usalo agora, di Giráldez, non suporía quedar sen ese aval para sempre.

Porque as obras do complexo acuático continúan paralizadas. Unha situación que preocupa á veciñanza da zona e que dende o Concello seguen con atención. Ante o goberno local, a empresa insiste en que o proxecto non está abandonado.

Esa reunión etsá convocada para este xoves. Antes desa data, a empresa comprometeuse co Concello a informar de varios avances, que irían na liña de retoma-lo proxecto. E, polo de agora, mantendo a data de remata das obras antes do verán de 2023.

Á xuntanza do xoves, que está convocada para as 8 da tarde no parque de Penente, está convocada toda a veciñanza da parroquia de Nogueira, nomeadamente dos lugares de Penente e Quintáns, que son os máis afectados pola construción do complexo acuático.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí