Afectados por Megasa reclama o traslado da empresa a un polígono

    megasa100_261107.jpgVILAGARCÍA > Que se poña fin ás emisións de sustancias contaminantes, pero sobre todo que se traslade Megasa

    … Estes son os obxectivos que se marca a recen creada Comisión de afectados por Megasa Vilagarcía. Para empezar están a celebrar xuntanzas informativas cos veciños e esta mesma tarde reuniranse coa empresa para trasladarlles as súas preocupacións.

    Os veciños da zona das Carolinas, en Vilagarcía, acaban de constituír unha Comisión de Afectados por Megasa. Acusan a esta empresa, situada en pleno casco urbano, de emitir á atmosfera sustancias contaminantes. Así o poñen de manifesto nuns folletos que están a distribuír pola cidade. Falan de diversas sustancias como xilenos, bencenos ou tolueno e explican algunhas das súas consecuencias para a saúde das persoas e do medio ambiente. E tamén se refiren ós ruídos que xera a empresa, ou ó perigo que pode supor o almacenaxe deste tipo de sustancias preto das súas vivendas, co accidente da química Brenntag nas súas memorias.

    Tendo en conta estes riscos, os veciños consideran que xa non ten sentido que Megasa siga traballando nas instalacións que ten no centro da cidade e reclaman o seu traslado a un polígono industrial, ‘onde terían mellores servizos’, indica un dos portavoces da comisión Xabier Ríos. A Comisión entende que isto levaría o seu tempo, por iso reclaman do Concello medidas especiais para garantir a seguridade. ‘O Concello ten que poñerlle limitacións a esta empresa, coa garantía de que non imos respirar esas sustancias nocivas’, engadiu Carmen Villaverde, membro da Comisión de afectados. Os veciños teñen solicitadas entrevistas coas distintas partes implicadas. Hoxe están coa empresa e na primeira semana de decembro serán recibidos pol concello.

    {flowplayer}images/salnes/megasa.flv{/flowplayer}

    Redacción Salnés