VILAGARCIA > Unha promotora privada, o concello de Vilagarcía e a Consellería de Vivenda únense…
…para poñer a disposición dos vilagarciáns, as axudas da Xunta en materia de aluguer. Un edificio con 34 vivendas albergará aos inquilinos que perciban estas axudas.
O número dez da Avenida Agustín Romero, ao lado de Fexdega, a Escola de Idiomas e o Campo de Fútbol, con vistas ao mar e a illa de Cortegada. Este será o enclave das vivendas que aproximadamente en dous meses, estarán legalizadas para poder acceder a elas en réxime de aluguer e protección autonómica.
Para o concello, esta é unha iniciativa positiva e da un paso máis no cumprimento dos seus compromisos en vivenda e espera que non sexa a última colaboración que fagan con empresas construtoras e promotoras privadas.
Dende a Consellería mostran o interese necesario para formalizar e legalizar canto antes as vivendas e poder poñer en marcha o plan de aluguer protexido. Aqueles cidadáns que estean interesados nestas vivendas en réxime de aluguer, deberán anotarse na consellería e poden informarse no concello.
Xunta e concello teñen en marcha, “Imparable”, segundo Castro Ratón, a construción do centro multixeneracional, preto deste edificio para aluguer e que irá destinado a proporcionar vivenda tamén en aluguer á xuventude e aos maiores.
Redacción Salnés