Valiosos empates dos equipos do Salnés na xornada de Fútbol Sala

futsal100_271107.jpgSALNÉS > Valioso punto o sumado polo Viajes Interrías en Ribadesella ante o Rompiente. O rival era un deses da mesma liga dos de Portonovo…

…que procuran non meterse en problemas co descenso, de ahí se cabe o valor dobre do empate. Foi un partido no que os locais levaron certa iniciativa no xogo pero foron os visitantes os que despuxeron das mellores ocasións.

De tódolos xeitos o Rompiente adiantouse no marcador e chegou ó descanso con vantaxe, 2-1. O 3-1 de Gerar semellaba sentencia-lo encontro en favor dos asturianos, pero Lito, no 35′ e no 36′ igualou o encontro (3-3), marcador co que se chegou ó remate.

Agora o Interrías é décimo terceiro, aínda que as cousas por abaixo están moi igualadas. Se cadra a peor nova é que a próxima semana non poderán puntuar xa que lles toca descansar, mentres que tódolos equipos ós que precede xa o fixeron.

Tamén empatou o Grupo Junquera (4-4), desta volta na difícil cancha do Pontenova. Os de Esteban Paz suman así a súa cuarta xornada consecutiva sen perder e conservan o noveno posto da xeral, na zona morna da táboa.

De novo os vilagarciáns amosaron a súa mellor cara, nesta ocasión ante o terceiro da xeral. Pese a desfrutar de mellores ocasións durante todo o encontro chegaron ós últimos dez minutos cun 4-2 en contra que souberon remontar gracias a dous goles de Óscar, conseguindo a igualada no 38′. Ó final, incluso o empate soubo a pouco.

O próximo partido disputarano na casa, ante O Esteo, que camiña na Liga cunha traxectoria moi similar ó Junquera.

Redacción Salnés