O Valedor pide explicacións á Xunta sobre o retraso nas vivendas de Xarás

    vivendasxaras_100_291107.jpgRIBEIRA > O Valedor do Pobo abriu unha queixa de oficio dirixida á Consellería de Vivenda en relación á demora das vivendas sociais de Xarás.

    Dende setembro do pasado ano, as obras das vivendas sociais de Xarás, en Ribeira, permanecen paralizadas despois de que a Consellería de Vivenda decidira retirarlle a concesión á empresa Seixo por incumprimento dos prazos. Nese momento, a Xunta anunciou que volvería sacar a concurso público os traballos, trámite que de momento non se ten realizado.

    Ante as reiteradas queixas dos adxudicatarios das vivendas, que vén cada vez máis lonxana a entrega do seu novo fogar, o valedor do pobo decidiu abrir unha queixa de oficio instando á Consellería de Vivenda a informar, nun prazo de quince días, das causas desta acentuada demora e do punto exacto no que se atopa o proceso de contratación.

    Precisamente, a Conselleira de Vivenda, Teresa Táboas, informou nunha recente visita á comarca que as obras volverán ser adxudicadas antes de que remate o ano e prevese que as vivendas estean concluídas no prazo dun ano.

    Condicións precarias

    Mentres tanto, as 21 familias afectadas deberán agardar a conclusión da súa nova vivenda, algunhas en mellores condicións ca outras. Segundo as queixas recibidas polo valedor do pobo, varias destas familias están a residir actualmente en infravivendas e mesmo en caravanas.

    Para evitar situacións deste tipo insta á Consellería de Vivenda a facerse cargo dos gastos de aluguer destas familias mentres non se lle fai entrega da súa vivenda.

    {flowplayer}barbanza/vivendasxaras.flv{/flowplayer}

    Redacción Barbanza