O BNG pide que se dote dunha ambulancia medicalizada ó hospital do Barbanza

RIBEIRA> O BNG da Barbanza leva ó Parlamento a necesidade de dotar á comarca dun servizo permanente de ambulancia medicalizada. A formación recolle unha vella reivindicación tanto de particulares coma de diversos colectivos, que chegaron a reunir preto das cinco mil sinaturas, para tratar de conseguir este servizo, ó consideralo prioritario.

Xa en agosto de 2019, un veciño de Boiro iniciou unha campaña para solicitar unha ambulancia medicalizada para a comarca. Ademais de presentar escritos en tódolos concellos e na mancomunidade Barbanza Arousa promoveu unha campaña de recollida de sinaturas na que reuniu máis de 4000 firmas e concitou o apoio de trece entidades da bisbarra. A pesar do clamor popular, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 rexeitou a petición alegando que o Barbanza non cumpría cos criterios para dispoñer deste servizos.

Agora o BNG volverá a levar ó Parlamento esta vella demanda para que, dunha vez por todas, se dote ó hospital Barbanza dun servizo asistencial básico, máis nun centro que carece de UCI.

Dende o BNG lembran ademais que levan anos presentando emendas ós orzamentos autonómicos para que se inclúa unha partida de cen mil euros para este fin.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí