NOIA> En Noia, despois da tempestade vivida no último pleno, ó non prosperar a cuestión de confianza presentada polo alcalde, Santiago Freire, ligada á aprobación definitiva dos orzamentos, a situación no Concello vívese con relativa normalidade.
Aínda así, estase á espera de que se cumpra o prazo dun mes para a presentación dunha posible moción de censura, algo que a día de hoxe parece improbable, basicamente porque non dan os números.
O rexedor segue defendendo o presuposto, que de non haber candidatura alternativa, quedará automaticamente aprobado.
Freire volveu de novo a cargar, como xa fixera no pleno, contra o edil díscolo Luís Alamancos, a quen lle afeou o seu cambio de criterio, ó votar favorablemente ós orzamentos na aprobación inicial e posteriormente votar en contra.
O que si ten claro o alcalde noiés é que o escenario mudou considerablemente, ó quedarse en minoría, con tan só oito edís dunha corporación de dezasete, polo que non lle quedará outra que acadar acordos co resto de forzas para que Noia siga avanzando, como o ata de agora.











