Sanxenxo celebra a Xunta Local de Seguridade

    localxuntasanxenxo_100_001.jpgSANXENXO > Logo de O Grove, o Subdelegado do Goberno viaxou ata Sanxenxo para manter a Xunta Local de Seguridade neste concello.

    Durante a reunión o Subdelegado do Goberno en Pontevedra, Delfín Fernández Álvarez, e a alcaldesa da vila, Catalina Gonzalez Bea, falaron da seguridade cidadá, do nivel de cooperación entre os corpos de seguridade da Garda Civil e a Policía Local, e da violencia de xénero no concello.

    Un dos obxectivos da xuntanza foi o da avaliación do desenvolvemento de aplicación do plan conxunto de seguridade, a través da mesa de coordinación policial. Dende o executivo local, e a subdelegación do goberno felicitaron a cooperación que existe entre a policía local e garda civil do concello. En materia de seguridade viaria, o subdelegado do goberno dixo que Sanxenxo é un dos concellos que dá exemplo, ó ser un dos primeiros en aplicar a normativa do carné por puntos.

    Unha das novidades sobre as que a subdelegación de Pontevedra informou ó executivo local foi o plan integral de seguimento das ordes de protección ás vítimas da violencia machista. Agora cóntase cunha base informática, á que a policía local poderá ter acceso en breve, coa que se busca poder acadar un maior control sobre os agresores. No concello de Sanxenxo hai  14 ordes de protección. Tanto a alcaldesa coma o subdelegado do Goberno afirmaron que a coordinación e a cooperación entre as dúas administracións xa superou as boas intencións e as boas palabras, e que xa está protocolarizada e conta con compromisos por escrito.

    Redacción Salnés