CALDAS> Os veciños afectados pola Variante Oeste de Caldas, esperanzados en que haxa cambios no proxecto definitivo. As plataformas veciñais mantiveron unha reunión na Delegación do Goberno en Galicia co delegado e con representantes da Demarcación de Estradas. Unha entrevista que aproveitaron, xunto co alcalde caldense, para poñer sobre a mesa o impacto social do actual proxecto. Agora traballarán para consensuar unha nova proposta. Polo de momento, manterán as mobilizacións.
Esperanzados pero sen baixar a garda. É o resumo do estado de ánimo dos veciños de Caldas afectados polo proxecto da Variante trala reunión na Delegación do Goberno en Galicia.
No encontro, o delegado do Goberno e representantes da Demarcación de Estradas recoñeceron aos veciños o erro na tramitación por urxencia do estudo informativo. Por iso amplíase o período para a presentación de alegacións. Agora teñen o prazo dun mes para traballar na súa proposta, algo no que irán da man veciñanza e concello.
Porque insisten no impacto que tería calquera das propostas postas sobre a mesa polo Ministerio de Transportes. Calculan que podería ser necesario derrubar ao redor dunha quincena de vivendas. Ademais do impacto que sufrirían as demais, pola proximidade dunha infraestrutura deste tipo.
A veciñanza recorda que no 2008 o concello aprobou por unanimidade un trazado que unía Tibo e Veigas de Almorzar. É no 2016 cando se pon sobre a mesa por primeira vez a parte do proxecto que concentra a polémica: unir a variante oeste cun acceso ao Porto de Vilagarcía.
A pesares deste balón de osíxeno que lles dá un mes máis para traballar nas súas alegacións, a veciñanza ten claro que non vai baixar a garda. Así continuarán coas mobilizacións ata confirmar que este proxecto para a Variante Oeste de Caldas non sairá adiante.











