Noia aposta pola Axencia do Audiovisual tralo éxito do festival de curtas

curtasnoia_100_031207.jpgNOIA > Coa alfombra vermella recolleita e os focos apagados, é tempo de facer balance da novena edición da Mostra de Curtas Vila de Noia.

A versión oficial fala de boa acollida, pero con gañas de mellorar de cara á gran cita do vindeiro ano; os directores, encantados de participar na mostra, o público abraiado da gran selección feita e o xurado eloxia a forte aposta que desde o concello noiés se fai polo audiovisual.

Os concelleiros das dúas áreas que organizan a Mostra de Curtas Vila de Noia, Cultura e Festexos, amosaronse contentos co resultado desta edición, pois a acollida entre a xente foi moi boa.

O bo acollemento entre os noieses foi xeralizado e non só da sección oficial, senón tamén de todas as actividades complementarias que se celebraron arredor da mostra. Aínda que sempre queda algo por facer, sería preciso darlle aínda unha pequena volta ó festival para que volva haber máis participación dos creadores audiovisuais noieses. Un desexo de futuro para a vindeira edición.

Para calquer director novel dos moitos que se deron cita en Noia esta fin de semana é ilusionante facer unha curta e que a poida ver tanta xente grazas a este tipo de festivais, como nos explicaba Ozo, o director de Auga

Variedade e calidade

Pola súa banda o público gabou a variedade na selección das curtas e a gran calidade dos traballos amosados. O xurado, ademais de insistir na ardua labor de boa selección, eloxiou a grande aposta que desde o concello noiés se fai polo audiovisual, sobre todo polo novo.

Mostra deste apoio foi o anuncio feito polo alcalde noiés, Rafael García Guerrero, no decurso da gala de entrega de premios, da creación da Axencia do Audiovisual de Noia.

Premios

E non podemos esquecernos do realmente importante da mostra, que eran as curtas. O premio á mellor curta en 35 mm foi para Niños que nunca existieron, de David Valero e en formato vídeo para Save the world de David Casals. As curtas máis galardoadas da noite foron Paseo de Arturo Ruíz que se levou os premios ó mellor guión e ós mellores actores e Sálvame, de Javier Veiga, presente na mostra, que recolleu o premio á mellor actriz e o especial do público.

Tamén foron galardoadas Salvador, pola mellor montaxe, El Dragón de Comodo pola mellor dirección, Auga, á mellor fotografía e Tadeo Jones y El Sótano Maldito coma mellor curta de animación. Asemade, o actor galego Luis Zahera recibiu o premio especial da mostra pola súa contribución ó mundo das curtas.

{flowplayer}barbanza/curtasnoia.flv{/flowplayer}

Redacción Barbanza