O Museo do Gravado de Artes aspira a converterse nun centro cultural aberto

RIBEIRA> O Museo do Gravado de Artes acolleu a presentación do libro de poemas ‘A distancia do tambor’, da escritora Eva Veiga. Durante a súa intervención, a poetisa explicou algunhas das razóns que a levaron a concibir esta creación poética, ideada durante unha estancia de Veiga en Bos Aires para actuar na película ‘A cicatriz branca’, de Margarita Ledo. Tamén fixo fincapé na estreita conexión que garda o poemario coa exposición de Alfonso Costa que se está a exhibir no juseo. Pola súa banda, o presidente da Fundación Museo de Artes, Manuel Ruiz, salientou a idoneidade de actividades como esta para que o museo de Artes se aproxime un pouco máis a súa aspiración de erixirse nun centro cultural aberto no que teñen cabida todo tipo de expresións artísticas. O evento culminou cun recital poético musicado onde Eva Veiga, acompañada dos seus compañeiros no grupo Ouriol Bernando Martínez e Fito Ares, leu unha selección de poemas deste libro, publicado por Espiral Maior e que foi merecedor do premio Fiz Vergara Vilariño na súa décimo terceira edición.