A Xunta só paga en Cambados o 11 por cento das axudas polas riadas

    tenentecambados_100_001.jpgCAMBADOS > O concello de Cambados denunciou hoxe o abandono que está a sufrir por parte da Xunta para poder paliar os gastos …

    … ocasionados polas inundacións que sufriu o pasado ano. En Cambados, o executivo local estimou en máis de 70.000 euros os gastos ocasionados polas inundacións en edificios e lugares públicos. Solicitáronlle unha subvención ó Goberno autonómico polo mesmo valor, do que só recibiron un once por cento. Din dende o concello que esta cantidade non é suficiente para sufragar os gastos que tiveron que afrontar. Ademais aseguran que tódolos gastos estaban xustificados.

    O Primeiro Tenente de Alcalde de Cambados, Luis Aragunde, criticou especialmente o feito de que as aproximadamente 40 familias que tamén solicitaran a axuda, non recibiron aínda a subvención. Algúns destes veciños tiveron que afrontar gastos moi elevados para poder reconstruír parte das súas vivendas, logo do paso das riadas. As riadas de hai un ano, asolagaron varias casas e baixos comerciais de Cambados.

    Ademais causaron importantes danos en varios edificios públicos coma colexios, o pavillón e a piscina municipal, ou a residencia de maiores. Tamén asolagaron varias estradas da rede viaria local, tirando ó seu paso pontes e muros de contención.

    Redacción Salnés