O Concello propón ó ADIF que elimine os pasos a nivel antes de fin de ano

    VALGA > Desde hoxe queda despexada a vía do tren á altura de Valga. Veciños e Concello acordaron onte á noite darlle unha marxe de confianza ó ADIF e suspender as manifestacións

    … no paso a nivel de Campaña. O alcalde espera agora unha resposta do Administrador de Infraestructuras Ferroviarias para fixar o 31 de decembro como data tope para rematar as obras do convenio.

    corteviavalga200_080507.jpgAcaban as manifestacións de Valga. Alomenos de momento, porque Concello e veciños seguen vixilantes. Na concentración celebrada onte á noite no paso a nivel de Campaña recibiron novas do borrador do convenio que ten que asinar o Concello co ADIF. Dentro recollíanse todo o demandado pero sen concretar datas. Ó longo da tarde de onte o alcalde comunicouse co presidente do ADIF e co delegado do Goberno en Galicia e fíxolles unha última proposta, que para o 31 de decembro estean feitas tódalas obras, incluído o paso elevado en Campaña. Data que tamén está disposto a cumprir o Concello para ter os camiños de enlace.

    corteviavalga_alcalde200_080507.jpgIso si, o rexedor deixou claro que tamén vai ser precisa a colaboración cidadá. O convenio recolle novos camiños de acceso ás pontes ou pasos soterrados ou elevados que se fagan, o que implica a ocupación de terreos. Por iso advertiulles que quen se non a ceden haberá que expropiar.

    O alcalde preguntoulle ós veciños se lle daban unha marxe de confianza para que o Concello negociase a data exacta e polo tanto cesar as manifestacións na vía. A resposta foi afirmativa aínda que afloraron dúbidas. Finalmente, o alcalde prometeu estar enriba do asunto e en caso de atrasos indebidos poñer ó tanto ós veciños, que estarían dispostos a volver a cortar o paso do tren.

    corteviavalga_cirios200_080507.jpgO alcalde tivo palabras de agradecemento cara estes manifestantes por defender o seu con seriedade e civismo. Os propios veciños quixeron acalar calquera denuncia de altercados e afirmaron rotundamente que nunca houbo agresións ós traballadores do ADIF, e que só se escoitaron insultos na primeira manifestación celebrada tralo enterro dos tres falecidos. Con este acordo, o tráfico ferroviario na liña Vigo – A Coruña queda despexado desde hoxe, pero no paso a nivel de Campaña seguirá o recordo dos tres traballadores falecidos o pasado día 25.

    Redacción Salnés