“Caritarte” logrou acadar cerca de 6.000 euros

    caritas_100_001.jpgVILAGARCÍA > Cáritas Interparroquial de Vilagarcía fixo hoxe un balance do resultado da exposición solidaria organizada …

    … pola asociación que rematou o pasado novembro. En "Caritarte" participaron máis de oitenta artistas e lograron vender 23 das 98 obras expostas.

    A terceira edición de "Caritarte" pechou o pasado 30 de novembro cun bo resultado para os organizadores da asociación parroquial, que xa teñen en mente a vindeira entrega. A sala de exposicións municipal, Antón Rivas Briones, acolleu este ano a mostra, pola que pasaron total de 85 artistas con 98 obras de escultura, pintura e fotografía. Os beneficios recadados coas ventas repartíronse a partes iguais entre os autores e a organización, pero algúns dos artistas doaron a súas creacións de xeito íntegro a Caritas. Un xesto que quixeron agradecer hoxe dende Cáritas, que conseguiu recadar case 6.000 euros coas 23 obras vendidas.

    O párroco Manuel Castroagudín, engadiu que o máis importante da exposición non foi só recadar fondos cos que sufragar a súa labor social, senón saber que poden contar a solidariedade da xente. Ademais dos artistas, os membros de Cáritas tamén lle agradeceron ó concello a súa colaboración por deixar que a mostra se expuxese nunha sala municipal. Pola súa banda, o edil de Cultura, Xosé Castro Ratón, tamén quixo recoñecer hoxe a labor levada a cabo pola organización.

    Ademais Cáritas tamén vai a presentar esta fin de semana o décimo festival de panxoliñas no que participarán 17 grupos. Será o domingo ás sete da tarde no auditorio municipal de Vilagarcía, e o prezo das entradas será de 3 euros.Os beneficios serán destinados de xeito íntegro á organización, xa que os grupos actuarán de balde.

    Redacción Salnés