VILANOVA> Os técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas apuntalarán a Ponte de Santa Marta, en Vilanova, pola zona na que sufre os danos. As investigacións dos expertos apuntan á corrosión e a oxidación de varias péndolas pola súa base como causa do fallo estrutural. Aínda así, confirman que a ponte mantense estable.
As investigacións dos técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia comezan a sacar as primeiras conclusión sobre os danos estruturais sufridos na Ponte de Santa Marta, en Vilanova.
Segundo as análises realizadas, os expertos apuntan á corrosión e oxidación de varias péndolas pola súa base, preto da conexión co taboleiro da ponte, como causas do fallo estrutural.
Estes fallos provocaron que cedese parte da estrada, sen chegar a derrubarse ningunha parte da ponte. A pesar destes danos, os traballos topográficos realizados polos técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas sinalan que a ponte se mantén estable.
Con estas análises, a semana que ven, a axencia galega xunto con Augas de Galicia comezarán os traballos para apuntalar a ponte na zona na que sufriu os danos. Como se ve nas imaxes, as obras estarán encamiñadas a apear o viaduto nesa marxe augas abaixo empregando unhas puntas especiais que se apoiarán nas rochas do rio Umia.
Estes traballos serán previos á rehabilitación da estrutura que se realizará nas vindeiras semanas. Aínda que o apuntalamento comezarase a vindeira semana, aínda non hai data para que comece a rehabilitación, xa que para iso é necesario que os técnicos da axencia galega de infraestruturas rematen de facer a avaliación en profundidade da ponte.
Polo momento o viaduto de Santa Marta, en Ponte Arnelas, polo que circulan máis de 3 mil vehículos ao día, continuará pechado ao tráfico. A ruta alternativa transcorre próxima a esta estrada e o tempo de diferencia que leva percorrela é escaso. O curioso desta ruta é que marcha por riba dunha ponte romana que ten máis de 700 anos de historia e que se atopa en bo estado, a diferencia da Ponte de Santa Marta que foi construída hai tan só 16 anos.











