Vilagarcía cede os terreos para unha futura Galescola en Carril

    pleno_vila_100.jpgVILAGARCÍA > Onte a noite celebrouse un novo pleno de caracter ordinario en Vilagarcía, que incluía oito puntos na súa orde do día.

    Destes, o máis destacado foi a cesión dunha parcela por parte do Concello ó Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e do Benestar para construír unha futura galescola. O terreo cedido ten unha extensión de 1.720 metros e está situado na urbanización carrilexa de A Tomada.

    O propio voceiro do goberno nesta cuestión, o nacionalista Castro Ratón, recoñeceu que esta parcela podería non ser a máis axeitada pero que estaba condicionada por outras cuestións; como a falla de terreos ou a urxencia de acometer esta actuación. Con esta medida,o goberno municipal pretende crear entre 40 e 100 novas prazas para nenos e nenas de entre 0 e 3 anos, a principios do curso que ven, para paliar así a demanda insatisfeita existente arestora neste concello.

    Asemade, o Concello tamén está a barallar a posibilidade de crear unha nova gardería nun dos polígonos industrias do concello, que axuden á conciliar a vida familiar e laboral dos vilagarciáns. Neste punto, os populares ratificaron que o terreo cedido non era o máis axeitado, ó tempo que reivindicaron que eles xa tiveran manifestado esta necesidade fai un ano, e que daquela a súa moción fora rexeitada.

    Porén, esta moción saíu adiante cos votos a favor de tódolos grupos, agás os de Esquerda Unida, que se abstivo argumentando que había sitios máis favorables para a súa ubicación, como en Trabanca, e posicionándose radicalmente en contra do modelo de xestión da Galescola; que o seu entender está supoñendo unha clara fórmula de privatización.

    Outro dos puntos con máis miga foi a moción do BNG respecto ós Orzamentos da Deputación Provincial de Pontevedra. Os nacionalistas solicitaron que o ente provincial acometese unha reforma nos orzamentos dos 2008, para que a dotación destinada ós concellos pasase dos 29 millóns de euros ós 49 necesarios.

    Pola súa parte,os populares defenderon o organismo que preside Rafael Louzán, argumentando que este non era o foro para debater estas cuestións, e que este prantexamento só responde a intereses partidistas do BNG a nivel autonómico. A moción saíu adiante unicamente cos votos dos nacionalistas e socialistas, e contou ca oposición do PP e a abstención de IVIL, que cualificou o tema de electoralista.

    Redacción Salnés.