O Karting Sanxenxo ultima detalles antes da desputa do Lisboa-Dakar

dakar100_281207_001.jpgSANXENXO > O Porto Deportivo de Sanxenxo acolleu esta mañá a presentación do Karting Sanxenxo Leche Río, o único coche galego que vai participar no raid Lisboa – Dakar.

Todo listo para emprende-la viaxe a Lisboa e embarcarse nunha das máis míticas probas que o deporte coñece.

E é que o Dakar é sen dúbida unha competición chea de dureza e riscos. Días enteiros metidos nun coche cubrindo etapas que rondan os mil quilómetros; todo isto, sobre dunas, area e terreo pedregoso e calor, moita calor. Despois, medo… medo ós atentados terroristas. Xa o ano pasado tivéronse que suspender dúas etapas por este tipo de ameazas. Nesta edición a caravana pasará oito días en Mauritania, o país no que se corre maior risco neste aspecto.

Pese a todo estes dous galegos están dispostos a calquera cousa. Este será o segundo ano no que participan e xa se senten canda menos algo máis preparados trala experiencia do raid de 2007.

Hoxe presentaron o seu coche Mitshubisi L200, acompañados por representantes do concello de Sanxenxo, da Dirección Xeral para o Deporte e polos seus patrocinadores máis importantes. Ó mando estará o experimentado piloto José López Rivas e ó seu lado, Pablo Malvar, de tan só 22 anos, pero todo un experto resolvendo problemas de mecánica.

Din que se sentirán máis relaxados cando comece a proba, xa que estes últimos meses de preparativos foron de moito traballo. O obxectivo é chegar; non se pensa en gañar, iso queda para outros. Tómanse a competición como unha aventura da que aprender e sobre todo, da que desfrutar.

Para mañá tíñase previsto que o coche se trasladara a Pontevedra, ás inmediacións do edificio da Deputación, para que aficionados e curiosos puidesen contemplalo de preto. Sen embargo o acto foi cancelado unha vez sóubose a noticia do falecemento de Xosé Cuiña.

A proba dará comezo o vindeiro día 5 na capital portuguesa e rematará no mítico Lago Rosa de Senegal quince días despois. Sorte.

Redacción Salnés