O Parque Empresarial de Nantes e a Mancomunidade piden o acceso pola Via Rápida

    mancomunidade100_020108_001.jpgCAMBADOS > Representantes do futuro Parque Empresarial de Nantes, Sanxenxo e o presidente da Mancomunidade do Salnés…

    …mantiveron esta mañá unha reunión para tratar a problemática dos accesos ao Parque, segundo a solicitude efectuada polo presidente da xunta de compensación, representando aos 114 propietarios que a forman.

    Incerteza. Esa é a palabra que define a situación actual do Parque Empresarial de Nantes. Hai empresas que non acaban de tomar a decisión de instalarse no Parque, por non ter claro cando haberá un acceso dende a vía rápida.

    A xunta de compensación puxo solo gratis a disposición do concello de Sanxenxo para realizar o acceso. Xa urbanizou as vías que dependen do Parque, e aínda así, do acceso, o único que teñen é o silencio da Consellería de Política Territorial.

    Hai en xogo, segundo o presidente da Mancomunidade, sete mil postos de traballo, por iso, acudirán a entrevistarse coa conselleira, María José Caride, para solicitarlle que as obras do acceso se inicien antes do desdobramento da vía rápida

    De non levarse a cabo este acceso dende a vía rápida, tan só poderíase chegar ao Parque a través das estradas de Pontevedra e Sanxenxo, e iso, segundo presidente da Mancomunidade do Salnés, ocasionaría un caos de tráfico seguro, pois xa teñen a experiencia de ter cortada a vía, e utilizar só estas estradas.

    Que se leven a cabo os proxectos que teñen previstos algunhas empresas, para formar parte do polígono, depende do inicio das obras para este acceso. En consecuencia, os postos de traballo que se poderían crear de non haber acceso, serían bastante reducidos.

    Domínguez está tan preocupado polo tema como presidente da Mancomunidade, que como alcalde de Meaño, pois está prevista unha ampliación do polígono que de calquera xeito levaría os problemas ata o seu concello.

    Redacción Salnés