Un tren descarrila preto da estación de Pontecesures

    PONTECESURES > Un tren descarrilou hoxe preto da estación de Pontecesures sen ocasionar danos persoais. Nel viaxaban 29 pasaxeiros que tiveron que camiñar os 20 metros que os separaban do andén para subir a outro convoi.

    trendescarrilado300_030108.jpgO tren R-538 que ía en dirección a Vigo entraba ás oito da mañá na estación de Pontecesures a unha velocidade lenta duns 30 quilómetros por hora. Nin maquinista nin revisor observaron desde a cabina ningún obstáculo na vía aínda que si había choiva e a noite anterior caera unha tormenta.

     As rodas da cabeza tractora saíronse do carril e o convoi quedou inclinado pero sen perigo para os 29 pasaxeiros que transportaba. Os pasaxeiros esperaron dentro do tren unha hora e logo foron camiñando polas vías ata a estación, onde foron transbordados a outro convoi, e ademais Renfe devolveulles o cen por cento do importe do billete. Ó haber dúas vías nesta zona, o accidente non atrancou o tráfico ferroviario entre Coruña e Vigo.

    O mal tempo co que empezamos este ano 2008 está a ter consecuencias negativas no transporte. A autoestrada AP-9 rexistrou esta mañá varios accidentes de tráfico á altura de Caldas, debido a unha forte sarabiada. Víronse implicados nove vehículos e afortunadamente non houbo feridos.

    Redacción Salnés