Sanxenxo celebra o seu primeiro certame audiovisual: A Madama

    caracolas100.jpgSANXENXO> A escultura da praia de Silgar dálle nome ao primeiro certame audiovisual que se celebra no concello. O festival da Madama

    …arrancou o xoves e rematará o sábado. Durante tres días, o Pazo de Emilia Pardo Bazán acolle a proxección de 29 curtametraxes e dunha película que competirán por acadar un dos catro premios que se entregarán neste certame. Canal Rías Baixas entrevistou a un dos premiados neste festival, o director pontevedrés Miguel Caruncho.

    A curtametraxe Caracola conta a historia dunha familia que vive nun pobo mariñeiro no que os rumores se espallan ata acadar unha grande difusión. Ese pobo sitúase en Portonovo, máis en concreto na praia de Canelas. Alí atópase a casa na que transcorre a maior parte da historia de Caracola.

    O director Miguel Caruncho deseñou esta historia pensando na súa localización. E precisamente esta localización foi a que lle valeu o premio no festival da Madama, como a mellor curtametraxe rodada no municipio. Miguel Caruncho teno claro, a súa historia non podía transcorrer noutro espazo.

    Caracola estrearase o sábado, ás 9 e cuarto da noite. O director desta obra recibirá 500 euros e o recoñecemento de ser un dos premiados no primeiro certame audiovisual de Sanxenxo. Unha cita cultural que tivo unha moi boa acollida entre os afeccionados ao mundo audiovisual na provincia. 

     Amais de Caracola, no festival da Madama premiarase á mellor curtametraxe do certame, á mellor curtametraxe de animación e entregarase o premio do público. O festival audiovisual de Sanxenxo, está dedicado ás mulleres do sector audiovisual. Nesta primeira edición o distintivo de honor será para a produtora ferrolá Susana Maceiras.

    Redacción Salnés

    {flowplayer}images/salnes/200209_festival_da_madama.flv{/flowplayer}