O Colexio de Xornalistas condena as agresións a tres reporteiros en Vilanova por parte dos Charlíns

VILANOVA> O Colexio de Xornalistas condena as agresións de onte a 3 xornalistas en Vilanova por parte de varios membros dos Charlíns, xusto despois de que o patriarca chegase á súa casa tras recibi-la alta no Hospital. O organismo cualifica os actos de “lamentables” que, segundo apuntan, representan un ataque máis aos xornalistas no desempeño do seu labor.

A Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas de Galicia manifesta nun comunicado a súa máis “enérxica condena” polos feitos producidos onte en Vilanova de Arousa, nos que tres reporteiros foron agredidos polos Charlíns nas inmediacións da súa vivenda familiar.

Os feitos producíronse despois de que o patriarca da familia e un dos seus fillos, Melchor, fosen atacados por dous encarapuchados que entraron na casa. Tres familiares das vítimas increparon ós comunicadores congregados ás portas da propiedade familiar. Primeiro golpearon a un fotógrafo, enfrontáronse a unha xornalista e a outro reporteiro gráfico.

O organismo de xornalistas apunta que “mesmo comprendendo a situación de tensión na que podían estar os familiares das persoas agredidas” o único que cabe é condenar estes “lamentables actos”. Segundo din, representan, “un ataque máis aos xornalistas no desempeño do seu labor”.

O Colexio de Xornalistas de Galicia lembra que a lei recoñece que o dereito á información prevalece sobre o dereito á imaxe, cando esta –engaden- se capta con fins formativos e sobre uns feitos de actualidade. Nese comunicado, o Colexio conclúe que a estratexia dos Charlíns de culpar aos informadores do asalto producido onte á mañá na vivenda, non é máis do que un xeito de “atacar ao mensaxeiro” que atenta contra a liberdade de información.