O Telecentro de Catoira será unha realidade en quince días

telecentro100_090108_001.jpgCATOIRA > A Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia está finalizando os traballos de acondicionamento e equipamento na Casa da Cultura.

Xa se pode dicir que Catoria está á última. En escasos quince días porase en marcha o Telecentro de Comunicación, que será lugar onde os catoirenses que o desexen poderán asistir a programas de formación multimedia e audiovisual.

Para iso instaláronse na Casa da Cultura vinte ordenadores, impresoras, pantallas de proxección e de plasma e un equipo de videoconferencia, entre as cousas máis chamativas.

Cando rematen os derradeiros traballos a Casa da Cultura convertirase nun lugar onde, ademais dos cursos, organizaranse roldas de prensa, ponencias e reunións de traballo.

O que se pretende é familiarizar á cidadanía coas novas canles e soportes audiovisuais de comunicación, así coma alfabetizar dixitalmente os grupos sociais máis afastados do desenvolvemento tecnolóxico.

A Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta foi a encargada de levar a cabo este proxecto, que contou cun investimento de 128.000 euros e que forma parte dunha rede de telecentros instalada polo goberno autonómico en toda a rexión.

Redacción Salnés