Catoira escenifica con retranca o seu malestar polo traslado da ambulancia medicalizada a Sanxenxo

CATOIRA> Catoira tira de retranca para denunciar o traslado da ambulancia medicalizada do Hospital do Salnés a Sanxenxo. Unha medida que se fixo efectiva este mércores, co arranque do mes de xullo. Diante do centro de saúde catoirense, levaron a cabo unha escenificación de cómo se senten: desprotexidos ante calquera urxencia e esquecidos polo Sergas. Ameazan con novas protestas ata que a Xunta atenda a súa petición, mantendo a ambulancia no hospital e dotando a Sanxenxo doutra.

Catoira tira de retranca e tamén algo de humor para denunciar o traslado dende o Hospital do Salnés a Sanxenxo da ambulancia medicalizada.

O 30 de xuño, a veciñanza estaba tranquila, relaxada e feliz, porque contaban con este servizo preto da casa. Pero coa chegada do 1 de xullo, a morte -din- está máis preto da vila porque co unidade de soporto vital avanzado en Sanxenxo, os riscos son maiores.

A ambulancia medicalizada opera dende a mañá deste mércores en Sanxenxo, unha medida que o Sergas toma dende hai anos no verán polo incremento da poboación naquela zona. A cambio, Sanidade reforza esta zona cunha ambulancia de soporte vital básico.

Entenden que coa marcha da medicalizada a Sanxenxo, Catoira convértese no concello máis desprotexido, cun incremento dos tempos de resposta inasumibles.

Cren que o idóneo sería que a ambulancia medicalizada se manteña nestes dous meses no Hospital do Salnés e que a maiores se reforce o servizo con outra unidade en Sanxenxo.

Avanzan que seguirán mobilizándose ata que se atendan as súas demandas. Ameazan con farcer cortes de tráfico en Catoira.

Tampouco descartan volver facer unha nova recollida de sinaturas, tal como xa fixeron hai un ano polas deficiencias que sufrían no seu centro de saúde.